mércores, 26 de marzo de 2014

MANIFESTO COLECTIVO EN CONTRA DA APROBACIÓN DA PROPOSICIÓN DE LEI POLA IGUALDADE DE TRATO E NON DISCRIMINACIÓN DE LGTB EN GALICIA



 PRESENTACIÓN, PROCESADO PARLAMENTARIO E RESULTADO:

Hai meses, o PSdG presentou no Parlamento de Galicia unha “Proposición de Lei pola visibilización e non discriminación das persoas LGTB en Galicia. Esta lei foi debatida e emendada polos diferentes Grupos Parlamentarios, incluído o Grupo Parlamentario do Partido Popular, con maioría no Parlamento.
Tras a creba parlamentaria á que se someteu esta proposta, na que o PP colaborou con emendas de SUPRESIÓN na súa maioría, o resultado é unha LEI BALEIRADA DE CONTIDOS cun nome que induce a engano que se converterá nun documento propagandístico para o PP. A modificación parlamentaria transforma o proxecto inicial que avanzaba na protección e garantías non discriminatorias para o colectivo e que foi feito desde o diálogo coas asociacións LGTBI nunha lei “cortina” que non implica ningún avance real nos dereitos das persoas LGTBI. Unha lei esperada e esixida polos colectivos LTGBI moi específica nun principio déixanos, tras as emendas aprobadas, un horizonte carente garantías, de protección, de medidas específicas para visibilizar a diversidade afectivo-sexual, etc.

Pode resultar rechamante que hoxe non apoiemos esta proposta de lei, pero queremos denunciar que este articulado É UNHA FARSA, un completo engano no que nos quere meter o PP co seu dobre xogo: votando a favor dunha lei aparentemente igualitaria á que previamente privaron de calquera efectividade real/práctica introducindo modificacións como as seguintes:
  • Suprímese o art. 3 de definición das categorías que son obxecto da proposta de lei (orientación sexual, identidade de xénero, sexo, xénero, lesbiana…).
  • Elimínase o art. 6 sobre inversión da carga da proba, que obriga a quen discrimina a probar que non discrimina.
  • Desaparece o art. 14 de creación de protocolos de actuación ante agresións.
  • Óbviase o Título III sobre o réxime sancionador, con esta eliminación aínda que se dean agresións ou actitudes LGTBIfóbicas non serán sancionadas.
  • Elimínase o art. 11 no que se establecen medidas específicas para o tratamento nos Centros Penitenciarios, fundamentais no tratamento das persoas transexuais.
  • Evítanse referencias explícitas a articular pola igualdade de diversidade afectivo-sexual ou LGTBI, diluíndose a especificidade LGTBI no ámbito da igualdade xeral e invisibilizando ao colectivo dentro da súa propia lei.
  • Omítese deliberadamente calquera tipo de compromiso que obrigue á Xunta de Galicia a establecer medidas concretas como a creación de servizos de información, a creación dun observatorio, realización de protocolos, etc, quedando todo o articulado nunha simple e non comprometedora declaracións de intencións e recomendacións pola igualdade.
En pleno século XXI, en Galicia as persoas LGTBI son vítimas de discriminación, crimes de odio, de invisbilización sistemática en educación, sanidade, emprego ou nas diferentes administracións públicas (policía, rexistro civíl, centros penitenciarios...) acentuándose isto en contornos rurais.
As obrigas legais que os Estados teñen para protexer as persoas LGTBI fronte a estas situacións, non son diferentes das que poidan ter outros colectivos. Débese garantir o cumprimento dos Dereitos Humanos para todas as persoas procurándolles protección nos casos de discriminación, abuso ou violencia. Para chegar a este cumprimento ten que haber leis concretas para colectivos específicos, debe existir unha lei de visibilidade e non discriminación que aborde as necesidades dun colectivo como é o LGTBI, ata o de agora desprotexido.

Organismos, asociacións e activistas pola defensa dos Dereitos das persoas LGTBI:

Queremos DENUNCIAR PÚBLICAMENTE a violencia institucional á que as persoas LGTBI nos vemos sometidas co que agora se chama “Proposición de Lei pola Igualdade de Trato e Non Discriminación de lesbianas, gays, transexuais e bisexuais en Galicia”. Unha proposta de lei cun nome enganoso que invisibiliza e desprotexe os dereitos do colectivo LGTBI con unhas falsas medidas políticas, lexislativas ou xudiciais, que pretenden empregar os partidos políticos como moeda de cambio para captar votos e “abandeirarse” na loita pola igualdade aprobando unha proposta BALEIRA DE CONTIDOS que deixaría as persoas LGTBI nun limbo legal cunha lexislación que nada lexisla.

ESIXIMOS a implicación de toda a sociedade, e en especial dos partidos políticos galegos, cun COMPROMISO REAL E EFECTIVO COS VALORES DE IGUALDADE E NON DISCRIMINACIÓN ante a aprobación desta FALSA LEXISLACIÓN POLA VISIBILIDADE E NON DISCRIMINACIÓN LGTBI recordándolles que votar a favor da súa aprobación é contribuír a pexar o AVANCE REAL EN MATERIA DOS NOSOS DEREITOS. INSTAMOS a que os partidos políticos da oposición NON SEXAN CÓMPLICES DESTA PANTOMIMA.

POR TODO O EXPOSTO ATA O MOMENTO,
AS ORGANIZACIÓNS E PERSOAS ABAIXO FIRMANTES consideramos imprescindible mostrar a nosa unión e posicionamento en contra da manipulación á que o colectivo LGTBI se ve sometido coa aprobación desta proposta de lei por parte do Goberno e dos partidos políticos que pretendan apoiala.
ESIXIMOS un compromiso real ante a loita contra a LGTBIfobia e pola igualdade social que se traduza en medidas lexislativas, políticas e administrativas con repercusións REAIS na sociedade.
REIVINDICAMOS o dereito de sermos escoitadas e escoitados e tidos en conta á hora de lexislar CO pobo e non só PARA o pobo.

E EXHORTAMOS aos grupos da oposición do Parlamento de Galicia, que NON VOTEN a favor desta “proposta de lei pantasma” da que o Partido Popular se apropiou e transformou en mero papel mollado.
Só o Partido Popular podería invisibilizar cunha lei de visibilidade.”